Thursday 02 de May de 2024

Fene abre as bolsas de contratación para traballo social, para conducir vehículos municipais e as de tractorista


Esta nova convocatoria vén sumarse ás xa abertas para as bolsas de obras e para cubrir os sete postos ofertados a través do PIL da Deputación da Coruña
O Concello de Fene ten en marcha nestes momentos o proceso de contratación do Plan de Integración Laboral da Deputación que permitirá ofrecerlle un posto de traballo temporal a un total de sete persoas pertencentes a colectivos con dificultade para atopar emprego. En paralelo, o consistorio tamén pechou onte o prazo de recepción de instancias para a creación das bolsas no departamento de obras e, hoxe mesmo, o BOP publica a convocatoria para as bolsas doutros tres postos: traballador/a social, condutor/a e peón/oa tractorista. As solicitudes para participar nesta nova convocatoria poderán presentarse até o 20 de xuño a través da Sede Electrónica ou ben presencialmente solicitando cita previa.

O boletín oficial deste mércores publica dous anuncios. Dunha banda está a convocatoria dos procesos de selección para a creación das listas de aspirantes a funcionariado en rexime de interinidade para os postos de condutor ou condutora e de peón/peoa tractorista.

O proceso non se refire a unha contratación directa nin inmediata, senón que se trata de contar cunha bolsa de persoas candidatas en disposición de entrar traballar no Concello no caso de necesidade, como por exemplo a cobertura de baixas laborais, vacacións ou reforzos puntuais do servizo por motivos xustificados.

Para a confección das listas seguirase o sistema de concurso oposición libre, é dicir, valorando os méritos e a formación e tamén propoñendo dous exercicios, un de carácter práctico relacionado coas tarefas da praza que se trate e outro sobre coñecemento do galego -que non puntúa, senón que computará como apto ou non apto- que deberán superar aquelas persoas que non poidan acreditar a posesión do Celga 1 ou equivalente.

As bolsas resultantes estarán en vigor até o 31 de decembro de 2025, aínda que poderán prorrogarse por outro ano máis antes desa data por razóns de urxencia e interese público debidamente xustificadas.

Traballador/a Social
Por outra banda, o BOP tamén publica as bases das listas de contratación para o posto de traballo social no departamento municipal de Servizos Sociais. Trátase igualmente dunha bolsa de aspirantes que poderán obter un contrato municipal con carácter temporal no caso de ser preciso cubrir os postos das persoas titulares a causa de incapacidades temporais, vacacións ou outras razóns.

A titulación requirida é a de Diplomatura ou Grao universitario en Traballo Social, ou equivalente. O procedemento de confección da listaxe será por concurso libre, no que o tribunal avaliará a experiencia profesional, os cursos de formación recibidos relacionados co posto e tamén o coñecemento da lingua galega. Este requisito deberá acreditarse co Celga 4 ou equivalente e, de non dispor de certificación, cumprirá pasar por unha proba de tradución dun texto sen dicionario que non puntuará pero que será obrigatorio superar para acceder á bolsa de emprego.

A lista que resulte do proceso estará en vigor ata o 31 de decembro de 2024, prorrogable por outro ano máis por razóns debidamente motivadas.

As instancias -que poden descargarse do BOP ou da web municipal- e a documentación necesaria para participar nos procesos selectivos das tres bolsas de contratación poderán presentarse até o 20 de xuño, xa sexa a través da Sede Electrónica municipal ou ben de maneira presencial. Neste último caso será necesario solicitar cita previa en cumprimento dos protocolos de prevención de contaxios adoptados polo Concello. A vez hai que pedila por teléfono -981 061 034 / 671 508 166- en horario de 8 a 15.00h. de luns a venres, mandando unha mensaxe a citaprevia@fene.gal (importante indicar os datos de contacto) ou usando o apartado da sede electrónica https://sede.fene.gal/opencms/gl/cita/.